martes, 26 de novembro de 2019

RESUMO DOS ACTOS DO 97 ANIVERSARIO - 24/NOV/2019




Sobredo (Guillarei–Tui), conmemoración do 97 aniversario dos sucesos

No domingo, día 24 de novembro, realizouse a conmemoración dos sucesos de Sobredo, no seu 97 Aniversario. Os actos desenvolvéronse, no propio Lugar de Sobredo (Guillarei - Tui), a partir das 11:00 horas da maña, no Campo dos Mártires; lugar onde se ergue o Monumento na memoria de Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis (Tui), Xoaquín Estévez, de Soutelo (Salceda), e Venancio González, de Budiño (Salceda), que perderon a súa vida neste sitio, baixo os tiros da Garda Civil, cando se opoñían ao embargo de bens a un veciño que non pagara rendas de foros, un 28 de novembro do ano 1922.

Os sucesos de Sobredo, cunha destacada repercusión en toda Galiza, simbolizan dende entón o acto solidario de loita contra a inxustiza e a explotación da sociedade labrega da época.

Neste aniversario dirixiuse ao público Carlos Babío Urkidi; investigador e co-autor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio; quen na súa intervención salientou que a recuperación de Sobredo acada unha dimensión, que vai mais alá do sucedido neste lugar; xa que recolle o significado e a memoria de labregas e labregos que morreron cando loitaban pola mellora dos medios de vida e a reivindicación da plena propiedade da terra.

Recordou nese contexto a loita agraria de Meirás, nos anos 30; na que unha das vítimas foi o seu propio avó; un conflito que derivou nos anos a seguir, co golpe de estado de 1936, en represión aos lideres sociais que afrontaran a loita pola xustiza social e en contra os que cobraban rendas agrarias; sinalou, a relevancia de actos como o de Sobredo para recuperar a memoria colectiva das reivindicacións sociais, en momentos como o presente.

Asistiron ao acto representacións de entidades veciñais do Baixo Miño, O Condado, Val Miñor e Vigo; así mesmo, concorreron a Alcaldesa de Entidade Local Menor de Camposancos; a Alcaldesa do Concello de Salceda de Caselas; o Alcalde de Tui; e concelleiras e concelleiros de municipios da zona.

O Acto de conmemoración concluíu cunha ofrenda floral no Monumento aos Mártires; unha obra da autoría do escultor Camilo Nogueira, erguida no ano 1932, no décimo aniversario; derrubado no mes de xullo de 1936 e reconstruído en 1988, por iniciativa de entidades veciñais (Asociacións de Veciños, Comunidades de Montes, Culturais; etc.),Mpasados mais de cincuenta anos do seu derrube; ao ritmo da Antiga marcha do Reino, interpretada polo Grupo de Gaitas “Folieiros”; que así mesmo, tocou o Himno de Galiza.

Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo - IEAMSO

luns, 28 de xaneiro de 2019

ACTIVIDADE MESA REDONDA OS LUMES FORESTAIS APÁGANSE EN INVERNO. 01/02/2019.



O IEAMSo (Insituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo) e o Instituto Galego de Terras Comunitarias organizan este venres, 1 de febreiro en Tui, na sala Xacobeo da Área Panorámica, a partir das oito da tarde (20:00 H), unha Mesa Redonda para tratar o tema ”Os lumes forestais apáganse no inverno”.

Cóntase coa participación de:
  • Juan Carlos Boo. Comunidade Montes Veciñais de Areas-Tui. 
  • Gonzalo Vázquez. Instituto Galego de Terras Comunitarias. 
  • Xosé Rodríguez. Alcalde do Concello das Neves. 
  • Claudio Quintillán. Experto medioambiental. 
  • Xosé Alfredo Pereira. Org. Galega de Comunidades de Montes. 
A actividade, presentada por Marga do Val. Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, enmarcase no ciclo “Sobredo, 96 anos despois”, cuxo obxectivo é achegar asuntos de actualidade, dende unha visión das organizacións sociais ligadas a posta en valor do medio rural. Abordase, deste xeito, un tema de fonda preocupación como é a desfeita ambiental provocada polos incendios; e a prevención e loita contra os mesmos.

IEAMSo

martes, 17 de abril de 2018

ACTIVIDADE PRESENTACIÓN DO LIBRO MEIRÁS UN PAZO / UN CAUDILLO / UN ESPOLIO. 19.04.2018



Presentación en Tui, o xoves 19 de abril, do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio.

A Sala Xacobeo, da Area Panorámica de Tui, acollerá o xoves, 19 de abril, as 20:00 horas, o acto de presentación do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, editado pola Fundación Galiza Sempre. O investigador Carlos Babío participará na presentación do libro; obra da que é co-autor con Manuel Pérez Lorenzo; nela achegan datos sobre o espolio do Pazo de Meirás. Os autores coa súa investigación aportan evidencias e a proba da ilegalidade da compra del Pazo e a participación das elites coruñesas na operación. Xuntos dedicaron anos á buscar en arquivos e obter testemuñas coas que desmontar a versión oficial de que se tratou “dun regalo do pobo da Coruña” ao ditador Franco. Intervirán no acto acompañando a Carlos Babío, Marga do Val, escritora e en representación do Instituto de Estudios Agrarios Mártires de Sobredo, entidade que organiza a actividade; Manuel Váquez de la Cruz, de Levada Libre. O IEAMSo, continúa con esta actividade o ciclo “Sobredo, 95 anos despois”, co que trata de divulgar asuntos de actualidade e que teñen conexión co traballo que desenvolven persoas e entidades na recuperación da memoria histórica sobre a realidade social que a ditadura franquista esfarelou; e tratou de eliminar con represión e sometemento a un ideario fascista, durante décadas.